Sunday 12 de May de 2024

O programa de empregabilidade Se Buscan Héroes chega á comarca


As persoas interesadas na xornada informativa do vindeiro 6 de febreiro poderán inscribirse no Servizo de Emprego da Mancomunidade chamando ao 981680679

O Servizo de Emprego da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes anuncia a posta en marcha do programa Se Buscan Héroes. Aberta á poboación da comarca, ten como principal obxectivo mellorar a empregabilidade e apoio ao emprendemento entre a xuventude menor de 30 anos demandante de emprego e que esté inscrita no fondo de Garantía Xuvenil. As persoas interesadas en asistir á sesión informativa que terá lugar o vindeiro 6 de febreiro (de 9.30 a 13 horas) nos baixos da alameda de Ordes deberán comunicalo ata o 5 de febreiro chamando ao 981680679 (de 8 a 15 h).

Se Buscan Héroes desenvólvese por parte da Fundación Equipo Humano e conta co apoio da Fundación Incyde e coa cofinanciación do Fondo Social Europeo. Entre outros aspectos o programa permite acceder a unha formación de calidade en metodoloxías de innovación e desenvolvemento persoal para a adquisición de estratexias e fortalecementos para mellorar as competencias profesionais e lograr ou incrementar a empregabilidade de cada persoa. Para isto lévase a cabo traballo en equipo mediante procesos de simulación, facendo uso das chamadas metodoloxías Lean Startup e a aprendizaxe colaborativa por proxectos (economía colaborativa) para adquirir un coñecemento avanzado sobre as oportunidades da innovación e o emprendemento como alternativas viables.

Prácticas en empresas
Outra das formas utilizadas é a consideración de aspectos fundamentais como a innovación, a comunicación, o liderazgo, a negociación, a creatividade etc. Neste caso o uso da App especialmente creada para o programa é fundamental. A última parte inclúe estancias en empresas para vivir a experiencia nun entorno real, contando sempre co apoio dun titor persoal. Firmas tan coñecidas como IKEA, Alcampo, ou o Grupo Vegalsa-Eroski son algunhas das entidades colaboradoras. Para acadar os mellores resultados cóntase tamén cun amplo grupo de instrutores con sobrada e recoñecida experiencia no mundo emprendedor e empresarial, además de ser grandes networkers.